
:: 23 cromosomas de cercanías ::
Durante os dous anos de tratamento, o tren foi o nervio central que te conectaba ao laboratorio onde hibernaban os embrións. Un rexional pola mañá, varias veces ao mes, rumbo ao ecógrafo onde se observaban -ou non – os ovocitos, drogados no seu reino de hormonas, e decidíase a pauta a seguir.
Soa por completo. Maternidade sen pai coñecido. A humanidade sobreviviu así tantísimos séculos que semella case un costume neandertal.
Aquelas viaxes portaban para ti hipotéticos doantes de esperma: o estudante colorado cos seus apuntes fluorescentes sobre radioactividade, o entrado en canas só na barba, o que tiña cara de dicir «ceo» e «cari», o que fiaba unha ollada contigo ao despiste…
Ante a dobre raia rosa no test foi nel en quen pensaches.
Agora que ela vai nacer, andas a tecer unha historia: «O teu pai e mais eu nunca chegamos a falar, filla, pero moitas mañás cruzámonos a ollada nun tren. Case namorados, coma quen di».
Estíbaliz Espinosa, xullo 2015