No último obradoiro de poesía da illa de San Simón, guiado por Yolanda Castaño – e do que saberemos máis en breve- o poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto, con quen compartira o Poetas (Din)versos do ano 2012, traduciu varios poemas meus [en tanto que eu facía o mesmo cunha manchea dos seus].
As traducións neste obradoiro realízanse empregando como lingua franca o inglés. Certo que esta circunstancia pode desvirtuar algo máis a fonte orixinal, mais o traballo a cotío con cada un dos textos e autorxs esclarece posibles dúbidas, malentendidos ou imprecisións.
Yasuhiro é un tradutor concienzudo, meticulosísimo, que pretende chegar varias capas abaixo da epiderme dun texto e tocar a raíz de cada xiro, expresión, elección. É unha gozada traballar con alguén así. Alguén que agasalla [e isto é literal: agasalla marabillas], reflexiona, traduce a conciencia, escribe… sen que por iso deixe de ter unha personalidade divertidísima, capaz de cantar a berros e bailar «Space Oddity» ou recitar dramaticamente os seus propios versos sobre un Xapón futurista, cheo de retranca nipona.
Aquí o tendes en acción:
Acabo de recibir dende Munich, onde reside Yotsumoto, o número da revista Beagle no que aparecen os textos meus que traduciu ao xaponés, incluídos algúns haikus. Traduciu con paixón auténtica, sincera, así que confío plenamente no resultado… malia -e non sabedes canto o lamento- non ter nin idea de xaponés.
Pero por se vós lle dades ao kanji, eis:

Parabéns! Que contenta estarás! Alégrame moito que te lean ata en Xapón e en xaponés!
Grazas, Zeltia. Está moi ben, claro que si.