No club de lectura do IES Valadares

O pasado 31 de maio convidáronme do Club de Lectura do IES Valadares de Vigo a dar un recital de poesía. O fotógrafo e docente do centro, Anxo Cabada, foi o meu cicerone, levoume a pasear polo labirinto de Castrelos mentres me contaba historias dos chamados «piratas» da illa de Ons, ou das familias que orixinalmente alí vivían [clans pechados, la famiglia] e as súas vendas de terreos na illa a cambio dunha tele.

Amosoume a árbore cun oco inmenso xunta o estanque dos parrulos. Unha oquedade rodeada dunha árbore centenaria que non puidemos identificar.

IMG_20160530_172509.jpg
Fonte fresca pero cun león triste en Castrelos, Vigo

Falamos da obsesión compartida de Creta, dos novos medios de edición, tanto fotográfica como literaria, eu aproveitei para ir recoller un libro que mercara por internet para o meu fillo (un libro da miña infancia que eu perdera, un Don Miki especial). E saímos de Vigo rumbo ao instituto, preto do Cuvi, pasando polo cluster turquesa do polémico Hospital Álvaro Cunqueiro, un lugar onde parecen campar, ademais de sanitarios, outros feirantes.

O club de lectura é un nutrido grupiño de mulleres e homes, algúns pais e nais, docentes… Congregámonos na biblioteca, por onde entraba unha raiola mestísima de luz que lle tería encantado a Fra Angelico ou a Borges. E a nós mesmos sen ir máis lonxe.

Alí, Iolanda (unha profesora de Galego á que coñecera noutro obradoiro) preparara unha (demasiado) fabulosa presentación de min, así como unha folla biográfica e as páxinas de poemas (propios e alleos) que enviara para a súa lectura. Unha vez alí, sabendo que había xente remisa a entrarlle á poesía -segundo me indicaran-, quixen poñer en valor o traballo literario que se fai no papel pero tamén na rede: algo que aquí aínda custa moitísimo traballo recoñecer, como se esta última fose unha rexión desprestixiada, sen aval de calidade.

Repasamos o que entendo por literatura e poesía, unha poética do risco, a ironía, a reflexión e o asombro entre literatura e ciencia. Leveilles o libro de didáctica publicado pola Editorial Apiario no que participo, Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas; limos poemas que me gustan, haikus, o poema da mazá, o dos gatos, o microrrelato do tren, o Vietnam da Szymborska… e de súpeto a aula encheuse de cereixas, un agasallo gorentoso que me tiñan preparado. Un antollo de gravidez que, curiosamente, adiviñaron.

Un luxo cómo me trataron, a xente que coñecín, falou, leu e escoitou, a xente que participou activamente desenleando versos nun monte preto de Vigo, mentres fóra preñábanse as cerdeiras reloucando por ser xuño.

estibaliz4(1).jpg
Foto de Anxo Cabada
estibaliz3.jpg
Foto de Anxo Cabada
estibaliz5.jpg
Foto de Anxo Cabada

Cereixas en par.

Tamén todas en orixe

somos dous.

 

Estíbaliz Espinosa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: