Estes días traducín un texto da IDA (International Dark Sky Association) para a Agrupación Astronómica Ío, grazas á mediación de Martin Pawley e o seu interese e compromiso por reducir no posible o impacto medioambiental da contaminación luminosa nas nosas cidades.
Deseguido, un cachiño dese artigo, Eyes in the Sky: Exploring global light pollution with satellite maps. Para lelo completo en galego, pinchade sen medo aquí; se preferides ler o orixinal en inglés, dade un hiperchimpo acolá. O texto publicouse na web da IDA o 6 de abril de 2016.
OLLOS NO CEO: EXPLORANDO A CONTAMINACIÓN LUMINOSA GLOBAL CON MAPAS POR SATÉLITE
Miles de millóns de persoas no mundo experimentan a cotío a contaminación luminosa na forma dun halo no ceo (o denominado en inglés skyglow): ese perpetuo resplandor sobre as cidades pola noite. O halo procede da luz en terra a se dispersar na atmosfera e que regresa aos nosos ollos, borrando por completo as estrelas.
Pero unha parte desa luz logra atravesar a atmosfera e escapar ao espazo. Os satélites que orbitan a Terra intercéptana, e as súas cámaras fornecen valiosas probas xa non só do xeito en que empregamos a luz no mundo e en que lugares, senón tamén da medida en que iso está cambiando. Unha morea de fontes e recursos dispoñibles na rede axudan aos entusiastas dos ceos escuros a acceder ás imaxes deses satélites, para así coñeceren mellor a luz no seu propio entorno local.
Cómo se dispersa a luz creando contaminación lumínica e halo no ceo
A ilustración de abaixo ilustra cómo parte da luz que emitimos dende a Terra acaba nas lentes das cámaras a bordo dos satélites.
As luminarias urbanas emiten luz en moitas direccións. Algúns deses raios de luz (“1”) diríxense dereitos ao ceo e atravesan por completo a atmosfera terrestre. Deses raios, uns poucos (“2”) hanos detectar os satélites mentres pasan polo lado nocturno do planeta. Noutros casos (“3”) partículas de po ou moléculas na atmosfera dispersan eses raios de volta ao chan, ocasionando ese skyglow tan coñecido sobre as nosas cidades. Ás veces, os raios dirixidos cara abaixo (“4”) reflicten de novo dende o chan ao ceo, onde poderían superar a atmosfera e seren captados polos satélites. Finalmente, algúns raios que se dispersan de novo ao chan (“5”) entran nos telescopios dos astrónomos, bloqueando por completo a súa visión do universo.
A cantidade de luz detectada polos satélites supón unha estimación básica e fiable da cantidade total de luz emitida ou dispersada cara arriba dende o chan. Se asumimos canta luz regresa á Terra como resultado da reflexión ou dispersión na atmosfera, podemos facer o cálculo e deducir canta luz saíra previamente dende o chan. Con esta información, os e as investigadoras averiguan abondosa información de interese acerca do uso humano da luz en particular, así como sobre patróns do seu comportamento global en xeral.
A historia dos datos de luz nocturna dos satélites
Algúns dos primeiros satélites artificiais, lanzados nos anos 60 para monitorizar o tempo atmosférico, podían observar as luces nocturnas da Terra, pero as súas cámaras non eran abondo potentes para efectuaren medicións de utilidade científica. Pola mesma altura, o Departamento de Defensa dos EEUU comezou o seu Programa do Satélite Meteorolóxico de Defensa (Defense Meteorological Satellite Program, en adiante DMSP nas súas siglas en inglés) para recoller información climática en apoio das necesidades militares norteamericanas. Durante parte de cada órbita un satélite do DMSP atópase na sombra da Terra, na cara nocturna do noso planeta, alí onde as súas cámaras rexistran non só nubes e continentes, senón tamén as luces das nosas cidades.
En decembro de 1972, o Programa do Satélite Meteorolóxico de Defensa desclasificouse, co que os seus datos ficaron abertos para a comunidade científica civil. Os investigadores de contaminación luminosa decatáronse decontado do valor desta nova fonte de datos. Os modelos de cómo a luz viaxa a través da atmosfera terrestre predín as fraccións desa luz que escaparán espazo arriba ou ben dispersaranse de volta ao chan, e as imaxes do DMSP poderían empregarse como proba esencial de tales predicións. Ao principio, as probas presentáronse en imaxes individuais do DMSP, a amosaren soamente un pequeño anaco de Terra de cada vez.
No 2001 publicouse un Atlas mundial de luz artificial nocturna, confeccionado a partir das imaxes individuais tomadas nas noites despexadas sen luar. Grazas a unha coidada calibración dos datos e a un modelo da transmisión da luz a través da atmosfera da Terra, o Atlas mundial forneceu as primeiras medicións globais da cantidade de luz de orixe humana. Sen embargo, dado que o obxectivo do DMSP era a predición do tempo, as cámaras que ían a bordo deses satélites carecían da calidade para discernir detalles a nivel do chan. Moitas cidades víanse simplemente como coruscantes retrincos de luz, sen ir polo miúdo.
[…]
O artigo -con máis imaxes e webs interesantes- segue nesta páxina da Agrupación Astronómica Ío.
Por se as imaxes do noso planeta iluminado visto dende tan preto sábenvos a pouco podedes completar este artigo co visionado do mítico vídeo (en zoom inverso e extraordinario) Potencias de Dez, do matrimonio Ray e Charles Eames para IBM, en 1977. Agora tamén está subtitulado en galego, por Martin Pawley.