Martin Pawley, compañeiro da Agrupación Astronómica Ío, envioume un poema ao correo por ver se o traducía. Non coñecía a Wendell Berry, prolífico autor de novelas, contos e ensaios, ademais do poemario Farming: a handbook (Agricultura: un manual ou O agro: un manual) que, presumo, non está traducido nin ao castelán nin ao galego, e do que forma parte ese poema.
Wendell Berry vive e traballa coa súa dona, Tanya Berry, nunha granxa de Kentucky. Interesaríame saber se a muller tamén publica libros…
Polo de pronto traducín o breve cuarteto ao galego e ao castelán. Un textiño sonoro que, nunha interpretación astronómica, pode entenderse como toda unha invitación a disfrutar da escuridade dos ceos que, imaxino, Tanya e Wendell contemplarán dende o porche da súa granxa de Port Royal, Kentucky (pero por que escribe poemas só el?). Apaghade o candil, chuschús.
Coñecer o escuro
Entrar no escuro cunha luz é coñecer a luz.
Coñecer o escuro, ir ás escuras. Ir sen ver
para atopar que tamén o escuro ha cantar e florecer,
e que o percorren escuros pés e escuras ás.
Conocer la oscuridad
Entrar en la oscuridad con una luz es conocer la luz.
Conocer la oscuridad, ir a oscuras. Ir sin ver
para hallar que también lo oscuro ha de cantar y florecer
y que lo recorren oscuras alas y oscuros pies.
Wendell Berry, trad. de Estíbaliz Espinosa
Podedes ler o orixinal en inglés, ver a foto e saber algo máis deste escritor sureño se ides á páxina de Ío, aquí.

Canica cun cosmos e unha horta dentro
Cando o traducín, escoitaba insistentemente unha melodía: A elevación (o ascenso?) da laverca, ou A laverca alzando o voo. Malia que as lavercas non sexan aves nocturnas... trátase dunha peza absolutely estremecedora de Ralph Vaughan Williams. Non tiven a sorte de que me tocase escribir as notas ao programa esta vez, pero cheguei a ela da man de Gustav Holst cando escribía as notas dos Planetas.
Acaba de interpretala a Orquesta Sinfónica de Galicia no seu 2º concerto de abono do 25º aniversario.