todas as vidas do rostro de H.

Maria Chenut é unha artista francoestadounidense que, logo de trece anos en Compostela, emigrou a San Francisco hai uns meses. Acaba de voltar este verán para presentar dúas exposicións en Ourense: unha colectiva [El gabinete de un aficionado/O gabinete dun afeccionado] e outra individual [Objects in mirror are closer than they appear/ Os obxectos nun espello están máis cerca do que parecen].

A primeira está dende o 10 de xullo até o 1 de setembro no Museo Municipal de Ourense, comisariada por Rosendo Cid.

A segunda podedes curioseala no Centro Cultural da Deputación de Ourense.

1000095_10151742971716101_1930684745_n
Maria Chenut

Hai un tempo suxeriume colaborar con ela nunha obra para a exposición colectiva do Gabinete dun afeccionado. Nun mercadillo, Maria adquirira unha morea de fotos dunha descoñecida, parisiense talvez, tomadas coa técnica Polyfoto, un antepasado do fotomatón creado nos anos 30, que pretende crear a ilusión de movemento tirando 48 instantáneas da cabeza a se mover e xirar durante un tempo probablemente inferior ao minuto [se presupoñemos unha instantánea por segundo]. No link anterior e neste podedes ver algunhas montaxes de vídeo a partir de Polyfotos, moi populares como agasallo a mediados do s. XX.

«Polyfotos often catch the personality of the sitter in a way that a formal portrait can sometimes miss», di unha páxina na rede sobre o sistema Polyfoto. «As polyfotos adoitan capturar a personalidade do fotografado en aspectos que un retrato formal pasa por alto».

Con ansia de captura, quedei con Maria na súa casa a medio desmantelar nas vésperas da súa viaxe de emigrante a SF. Ciscamos as fotos sobre unha mesa adubiada cun par de vasos de Oporto e unhas patacas fritas, e procedemos a ordenalas segundo a numeración no dorso: a descoñecida rotaba ante nós cun aire á vez velado e cercano, pedagóxico, con esa lazada institutriz na blusa, o pelo recollido, nariz fino e o xesto sen moito aquel. A ollada perdida, de actriz de cine doméstica, sen costume no posar. A fronte avultada. Un parecido familiar á Olivia de Popeye. Podería ter unha mente brillante ou opaca por completo. O seu rostro -sen ser granítico como o de Marlon Brando, máis ben amebado, paramecio, anódino- non deixa de insinuar tamén algo impenetrable. Sen querelo.

polyphoto, henrietta
Foto da enigmática H. no meu escritorio

Maria inserira algunhas das fotos da anónima en obras ou obxectos diferentes: unha mariola, un marco, unha vieira, un alfineteiro, un chaveiro, mesmo a colocara sobre un estraño barco. Como escritora, eu debía enfiar nunha historia todo iso. Maria decidiu que finalmente á exposición só iría unha das súas pezas coa foto. Así que eu falaría do que non se vía: das outras imaxes do mesmo rostro, das outras historias que o espectador non verá, cada unha coa súa trama, xuntiñas e case idénticas como universos paralelos. Como multiversos.

Daquela [todo isto pasaba na primavera, en abril] eu andaba a ler sobre Henrietta Swann Leavitt, a astrónoma xorda que descubríu a variabilidade das estrelas Cefeidas, dando o pé empírico a Edwin Hubble para a súa teoría sobre a expansión do noso universo, o Big Bang e todo iso. E, malia que Henrietta era estadounidense e aquela muller das Polyfoto supostamente parisiense [francesa alomenos] -como a propia Maria Chenut, metade francesa e metade estadounidense-, ocorreúseme un híbrido entre Henrietta e outra muller científica da historia, Ada Lovelace, coa fin de dotar de personalidade á muller das fotos: e así foi a Henrietta Lovelace, unha muller astrónoma, discreta, muda como o H. do seu nome, inadvertida, cunha sexualidade confusa que parece aclararse aos poucos. O fascinante do que non se pretende fascinante, que é mesmo aburrido e tedioso. O fascinante do que non está preparado para fascinarnos.

[supoño que o éxito do vintage ten algo diso: a pouca preparación para a posteridade nunha época na que todo parece un mecanismo para pasar a ela a través da exhibición, a espectacularización e a reiteración dun mesmo. Algo similar podería acontecer co gusto polo porno amateur, por exemplo, fronte á hiperpreparación das películas pornográficas. Aí deixo o fío para seguir tirando da cometa…]

Retomo o fío do post: o fascinante do que non se preparou, do que nin sequera naceu para fascinarnos.

Henrietta
Serie Polyfoto da descoñecida [H.] no catálogo da exposición
Iso sentín con aquelas fotos na casa a medio desocupar de Maria, oportos abaixo. «Será unha espía?» preguntárame Maria. No coche no que me levou á estación de tren de Santiago suxerinlle a posibilidade de que fose espía, si, pero do ceo. Astrónoma. Seres coa vista perdida no alto, penetrantes e despistados, xordos ao mundanal ruído mais enormemente concentrados no que acontece lonxe no espazo e no tempo. Como Henrietta S. Leavitt. Como aquela estraña da ollada perdida.

O texto que escribín transita pola vida imaxinaria desa estraña, polos fragmentos posibles da súa vida, ao xeito de pequenos multiversos: cousas que poderían ter acontecido de ter elixido unha ou outra opción nun momento dado.

Dalgunha maneira, atraer o estraño até facelo familiar.

Procurar o fascínio nun rostro pouco agrazado que un día entrou nunha tenda de fotografía a quitarse 48 fotos que non acabaron na carteira dun namorado nin no caixón de lembranzas dunha neta, senón nun mercado de vintages. E máis de medio século despois, baixo o ollar en fite de dúas mulleres que imaxinan as súas luvas, as súas cartas, as súas ecuacións, as súas viaxes, as súas observacións minuciosas. A súa aburrida personalidade fascinante.

✵ ✵ ✵

Eis o texto que escribín para a peza artística de Maria e que forma parte do Gabinete dun afeccionado. A frase que elixín como título, «Todas as vidas do rostro de H.» emula o eslogan do Polyfoto France que figura no dorso da serie da anónima: Toute la vie du visage. Toda a vida do rostro.

Todas as vidas do rostro de H.

Multiverso: termo da astrofísica utilizado para definir todos os universos posibles, incluído o noso.

Hai moitas parecidas, ningunha é igual. Fíxense. Algo varía, algo imperceptible. Pero, quen é ela? Dise que o 25 de febreiro de 1941, no multiverso 612, algúns parisienses viron cómo Henrietta Lovelace, astrónoma de profesión e paixón, dirixíase ao Salon Polyfoto situado na rue de Rivoli de París. Viña de comparar placas fotográficas de cúmulos estelares Hormoneidas e, inda por riba, acababa de namorar.

Recén namorada Henrietta, que nunca se tomara foto ningunha, sácase 300 de golpe deixándose a paga quincenal. Quere retratarse como a lúa: con case todas as súas caras

No multiverso 17 a versión cambia un pouco: ela non namorou de ninguén aínda. Permanece virxe e aplicada ás súas placas. O seu discípulo e becario S. Pierpont, 12 anos menor, vén de declararse nunha arroutada de variabilidade estelar confusa. Ela respondera fríamente, corrixíndolle unha suma mal efectuada.

Segundo as máis prestixiosas revistas científicas do momento, Henrietta Lovelace escribiu cartas de amor arrebatado desde o seu Massachusetts natal a Pierpont. Sabemos que se trataba de cartas de amor arrebatado, aínda que na súa aparencia externa non eran senón sistemas de ecuacións e anotacións de noites de rave astronómica e amenceres co pelo revolto e o ollo no telescopio.

Din as boas linguas que nalgún multiverso Henrietta rexeitou formar parte do famoso harén do astrónomo S. Pickwick, que examinaba datos sen descanso e saía máis barato por ser man de obra feminina, sen esixir recoñecemento.

Nas cartas máis subidas de ton, Henrietta firma co pseudónimo de «Ada Swann de Alexandría».

Segundo outras versións e outros multiversos mutantes, Henrietta non amaba a Pierpont, senón a unha tal Ada Swann de Alexandría, experta en linguaxe computacional de día e contrabaixista parisiense de noite. Xuntas xogan nunha mariola que comeza na terra, acaba no ceo e ten o seu centro en todas partes.

No multiverso 1974, H. toma un barco cos astrolabios pintados de vermello China

A súa observación da variación das estrelas Hormoneidas coincidiu cos seus desexos de ser nai. As hormonas atrapárona e deu a luz unha filla.

A filla do fillo do fillo desa filla orbitará a Terra no 2065 e, desde o espazo, tomará 300 fotos. Todas as vidas do rostro do noso anaco de universo.

Estíbaliz…Espinosa

Notas de aclaración para o Catálogo

O personaxe de Henrietta Lovelace/Ada Swann de Alexandría é un híbrido formado a partir das personalidades de Henrietta Swann Leavitt [1868-1931], astrónoma de Massachusetts, Ada Lovelace [1815-1852], filla de Lord Byron e unhas das pioneiras da linguaxe computacional e a programación informática e Hipatia de Alexandría [355-416], célebre matemática e astrónoma de orixe grega.

Henrietta S. Leavitt formou parte do que se denominaba o «harén de Edward Ch. Pickering»–non Samuel Pickwick, que é personaxe de Dickens- un grupo de mulleres que analizaba e compilaba datos astronómicos como man de obra barata. A ela débese o estudo das variables Cefeidas.

Samuel Pierpont [1834-1906] foi un astrónomo, tamén de Massachusetts mais, que se saiba, non tivo relación íntima algunha con Henrietta S. Leavitt, bastante máis nova ca el.

Estíbaliz…Espinosa

Fragmentos deste texto aparecen a xiz sobre lousa na instalación actual no Museo Municipal de Ourense. Aquí unha foto de Maria «arrastrada pola literatura» escribindo o texto e outra do día da inauguración:

1003996_10201684311254070_963379711_n
foto de Rosendo cid
1011849_10201702898478739_573327744_n
foto de Maria Chenut

Di Rosendo Cid:

O gabinete dun afeccionado es un proyecto que toma como punto de partida el libro del mismo nombre del escritor francés Georges Perec, que trata la descripción de un cuadro desde un punto de vista literario. Uno de los puntos a subrayar es que al final de la novela se nos dice que todo es una pura invención y un simple juego. Esta propuesta, sin entrar directamente en las diferentes especulaciones que despierta el libro de base, ha tratado de reunir a un número de artistas e escritores que trabajasen y entrelazasen arte y literatura para que, en definitiva, pusieran de manifesto que las razones y los sentidos del arte residen en lugares imprevistos.

Participantes:
José María Benéitez
Misha Bies Golas
Germán Botana
Alejandro Caporale
María Chenut
Rosendo Cid
Juan Conde Souto
Estíbaliz Espinosa
Tamara Feijoo
Christian García Bello
Elena Gómez Dahlgren
Xavier Limia de Gardón
Acisclo Novo
Alfredo Omaña
Pablo Orza
Sofía Otero
Belén Padrón
Iván Prieto
María Puertas
Alfonso Rodríguez
José Carlos Seoane
Xurxo Sierra Veloso
Jorge Varela
Xosé Vilamoure

2 pensamentos sobre “todas as vidas do rostro de H.

  1. “Todas as vidas do rostro de H” e esa maneira na que naceu a historia, lembráronme tanto tanto a curtametraxe A STORY FOR THE MODLINS, dirigida por Sergio Oksman (e como armaron a historia a partires dunhas cintas de video atopadas no lixo, nunha rúa de Madrid)…!
    Os peliños de punta, teño! 🙂
    Se vou a Ourense, non a perderei…!

  2. Ah, si, lembro que me falaras deles naquel recital de hai un tempo. Coido que eles pretendían certa posteridade aínda que a muller desta serie de fotos, xa só por retratarse, que procura, senón certa posteridade tamén?

    Tamén a escrita, en si mesma, é posteridade.

    Ando un pouco mordéndome o rabo co tema, xa ves.

    Grazas, Zeltia, polo comentario. Aínda me queda pendente a min ver a curtametraxe dos Modlins, logo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: