traducións de mulleres de Strauss

ARIAS , DUETOS E TERCETOS DE MULLER

RICHARD STRAUSS [1864-1949]

 traducións do concerto «As mulleres de Strauss» dentro da Temporada Lírica da OSG, 13 de setembro de 2014

 Tradución: Estíbaliz… Espinosa

podes ler as notas ao programa aquí e aquí e aquí

ARIADNA EN NAXOS [1912]

« Großmächtige Prinzessin, we verstünde nicht…»

ZERBINETTA

Poderosa e gran princesa,
quen non había comprender
que a tristura
de tan insigne
e eminente persoa,
non pode medirse
co mesmo raseiro
do resto de mortais.
Con todo…

(achégase un pouco cara a Ariadna
que non lle fai nin caso)

… non somos mulleres as dúas?
Non latexa no noso peito
o mesmo corazón indescifrable?

(de novo achégase, cunha reverencia;
Ariadna, para non vela, oculta o seu rostro)

Non é dolorosamente doce
que nos contemos a unha á outra
as nosas fraquezas?
E non nos bate o peito cando tal facemos?

Vexo que non vos presta escoitarme…
Tan bela, arrogante e inmóbil,
coma quen for a estatua
de súa propia tumba.
Non desexades confiar noutro ser
máis aló destes penedos e estas augas?

(Ariadna recúa cara á entrada da súa gruta.)

Princesa, escoitádeme…
vos non sodes a única, senón outra máis…
ai, nosoutras todas!…
A que muller non traspasaron
eses mesmos padeceres
que vos conxelan o corazón?
Abandonada! Desesperada!
Sen auxilio!
Ai, innumerables illas como esas
existen entre os humanos!…
Eu mesma habitei a miúdo nesas illas
e non dei aprendido aínda
a maldicir aos homes.

(Ariadna desaparece dentro da gruta,
Zerbinetta continúa cos queixumes
dirixidos a unha Ariadna ausente)

Eles son desleais!
Monstruosos, sen freo!
Unha breve noite, un día exaltado,
un sopro de aire, un xesto furtivo,
e xa mudaron o seu corazón!
E seica, somos nós inmunes
a esas crueis, deliciosas
e inexplicables mudanzas?

Mesmo cando me creo unida a un só home
un sentimento confuso
infecta o meu corazón
unha sensación de liberdade nova,
un novo e furtivo amor.

E son sincera e á vez minto,
son fiel e malvada a un tempo.
Todo vese baixo un cristal deforme,
e, medio consciente medio en delirios,
ao final engánoo, porén…
o amo aínda!
Sempre que me creo firme,
nace no meu corazón,
doce, belo e enlouquecedor,
un novo e furtivo amor.

Tal me aconteceu con Pagliacho e Mechetín!
Despois foi Caviquio, daquela Buratín,
e logo Pascuarelo!
Ai, e en ocasións
ata me parece que foran ao mesmo tempo dous!
Pero nunca foi por capricho,
máis ben por necesidade!
Cada vez unha nova descuberta:
será posible o corazón,
tan descoñecido para unha mesma!

Cada un deles chegaba a min como un deus
e ao oír os seus pasos eu ficaba expectante.
Se me bicaba na fronte e nas fazulas
xa era cativa do deus
e vencíame unha vez e outra!

«Sein wir wieder gut»

COMPOSITOR

(abrazando emocionado ao mestre de música)

Levémonos ben!
Agora o vexo todo dende outro punto de vista!
O abismo da existencia é infinito!…
Meu benquerido amigo,
haille moitas cousas no mundo
que non se poden dicir.
Só os poetas exprésanas
con palabras xustas…

(con ledicia)

porén, porén, porén, porén, porén…
sonche afouto, querido amigo!…
O mundo é unha marabilla
e nada amedrenta a un afouto!
E que é a música, logo?

(con solemnidade)

A música é unha arte celestial
que require toda clase de valor coma un querubín
ante un trono radiante e é, por iso,
a máis sagrada das artes,
a divina música!

ELEKTRA [1909]

«Allein! Weh, ganz allein»

ELEKTRA

Soa, ai, soíña de todo.
Pai deixoume
precipitándose
en glaciais abismos…

(Deitada no chan…)

Agamenón!, Agamenón!,
Onde estás, pai?,
non che quedan forzas
para achegar o teu rostro ao meu?
Esta é a hora, a nosa hora,
a hora en que te mataron.
A túa dona e o home que con ela
dorme no leito, no teu leito real.
Asasináronte no baño.
Escoaba o sangue
sobre os teus ollos
e co sangue teu fumegaba o baño.
Alí o covarde prendeute
polos ombros e sacoute a rastro
dos teus aposentos.
Primeiro, a cabeza.
Detrás, as pernas inertes:
pero os teus ollos, aínda abertos,
ollaban en fite
cara á casa.
Deste xeito has volver,
un paso tras outro.
Xurdirás de súpeto, cos ollos
abertos de par en par,
e unha coroa púrpura
cinxindo a túa fronte,
que se alimentará da ferida
aínda aberta na cabeza.
Agamenón!, Pai!.
Quero verte!, non me abandones hoxe!
Mesmo que for coma onte,
como unha sombra polo muro,
móstrate á túa filla!.
Pai!, Agamenón!.
O teu día ha chegar.
Igual que o tempo se precipita
desde as estrelas,
así se ha derramar sobre a túa tumba
o sangue de cen gargantas.
Como de cántaros crebados,
así abrollará da alianza
dos asasinos, e nun aluvión,
nunha enchente incontible,
das súas vidas renacerá a vida,
e en honor a ti
habemos sacrificar
os cabalos da casa,
levarémolos xuntiños
ata a túa tumba,
e eles sentirán a morte
e rincharán ao aire da morte
e alí morrerán.
E no teu honor
sacrificaremos os cans,
que che lambían os pés,
que cazaban onda ti,
aos que entregabas
bocados do teu xantar.
Por iso debe o seu sangue prostrarse
diante de ti e servirte, e nós,
nós, o teu mesmo sangue,
o teu fillo Orestes e mais as túas fillas,
nós os tres, cando
todo isto se teña consumado,
cando pavillóns de púrpura
broten do sangue reseco
evaporado ao sol,
daquela nós, o teu mesmo sangue,
danzaremos ao redor da túa tumba.
E sobre os cadáveres hei alzar eu
as pernas, tacón punta tacón,
e quen me vexa bailar, mesmo que
só me vexa bailar de lonxe
como unha silueta,
dirá: velaí están a honrar
a un grande rei con honores,
a súa propia carne e
o seu propio sangue,
e feliz aquel a quen os fillos
lle bailan ao redor da tumba
a rexia danza da vitoria.
Agamenón!, Agamenón!

O CABALEIRO DA ROSA [1911]

«Hab’ mir’s gelobt, Ihn lieb zu haben»

OCTAVIO
(indeciso, como querendo ir cara a ela)

Marie Therese!

MARISCALA
(para si, cantando ao mesmo tempo que Octavio e Sofía)

Xureime que habería amalo
como se debe amar.
Que amaría mesmo o seu amor por outra.
Tal me xurei!
Pero con franqueza non crin
que o meu xuramento
habería cumprirse tan axiña.

(Suspirando)

Hai tantas cousas neste mundo
que non criamos verdade
cando nos falaban delas…
Pero unha vez che acontecen a ti
daquela comprobas que eran certas.
Velaí o mozo e velaquí eu
e el coa súa nova amante será feliz
ao xeito en que os homes cren
ser felices. E que así sexa.

OCTAVIO
(ao mesmo tempo que a Mariscala e
Sofía, primeiro para si mesmo, logo cara a cara con Sofía)

Que ocorreu? Que mudou?
Querería preguntarllo a ela. Podería ser?
E precisamente esa pregunta
non lla podo facer.
Preguntaríalle: por que a miña alma toda
estremécese en min?
Cometín un erro grave? E xusto a ela
non me atrevo a preguntarllo.
Entón miro o teu rostro, Sofía,
e non vexo nada máis nin sinto nada máis,
Sofía, e tan só sei que te amo.

SOFÍA
(á vez que a Mariscala e Octavio,
primeiro para si, logo cara a cara con Octavio)

Coma se estivese no templo
invádeme o sagrado
e o profano asemade.
En realidade, nin sei como me sinto.

(Con profunda expresión)

Axeonllaríame abofé
ante a Señora
e porén ao mesmo tempo
danme ganas de matala.
Porque vexo que ela mo entrega
sen deixar de roubarme algo seu.
En realidade, nin sei que me pasa.
Querería comprendelo todo
e non comprender nada.
Querería preguntar sen preguntar,
síntome arder e xear a un tempo
e ao final nada máis sei que te amo.

«Ist ein Traum, kann nicht wirklich sein»

OCTAVIO
(á vez que Sofía, soñadoramente)

Só penso en ti, só en ti
e en que os dous estamos xuntos!
E todo transcorre coma un soño
pola miña mente.

SOFÍA
(á vez que Octavio, soñadoramente)

É un soño, non pode ser certo,
que os dous esteamos xuntos,
xuntos para
sempre por toda a eternidade

OCTAVIO
(máis forte)

Vexo unha casa, e estás nela,
e a xente empúrrame dentro,
dereitiño á gloria!
Ben listos que son!

SOFÍA
(do mesmo xeito)

Como! Logo ris?
Se eu non podo co meu destino,
coma se estivese ante as portas do ceo!
Terma de min! Fráxil como son
síntome desmaiar por ti!

SALOMÉ [1905]

«Ah! du wolltest mich nicht deinen Mund»

SALOMÉ

Ai, non quixeches que che bicase
na boca, Jokanaan!
Pois ben, vou bicala!
Quero mordela cos dentes
como se morde unha froita madura.
Si, agora quero bicarte
na boca, Jokanaan.
Díxencho,
ou non cho dixen, logo?
Ai! Ai! Quéroche beixar agora.
Pero, por que non me miras,
Jokanaan?
Os teus ollos,
tan temibles como eran,
tan inzados de carraxe e desdén,
están pechados.
Por que pechados?
Abre os ollos!
Alza as pálpebras,
Jokanaan!
Por que non me miras?
Non será que me temes, Jokanaan
e por iso non queres ollarme?
E a túa lingua
non di nin palabra, Jokanaan,
aquela víbora escarlata
que me cuspía o seu veleno.
Que raro, non é?
Como é que esa víbora vermella
non se move xa?
Pronunciaches verbas contra min,
contra min, Salomé,
a filla de Herodías,
Princesa de Xudea.
Pois mira ti por onde!
Eu estou viva e ti morto
e a túa cabeza, a túa cabeza é miña!
Podo facer con ela o que me pete.
Podo guindárllela aos cans
ou ás aves do ceo.
As sobras dos cans
hanas devorar as aves.
Ai, Jokanaan,
ben guapo que eras!
O teu corpo unha columna de marfil
sobre pés de prata.
Un xardín cheo de pombas
co resplandor de prata dos lirios.
Nada no mundo
tan branco como o teu corpo.
Nada no mundo
tan negro como os teus cabelos.
No mundo enteiro
nada tan vermello como a túa boca.
A túa voz
era un incensario
e cando te miraba
oía músicas secretas.
Ah, por que refugaches mirarme,
Jokanaan?
Puxeches sobre os ollos a venda
dos que unicamente ven a Deus!
E mira ti!
Xa viches ao teu Deus,
Jokanaan,
pero a min, a min xamais me viches!
Se me tiveses visto
amaríasme!
Teño sede da beleza túa.
Teño fame do corpo teu.
Nin viño nin mazás
fan que acougue o meu degoiro.
Que fago agora, Jokanaan?
Nin os ríos nin os mares
poden apagar xa
a ardentía desta paixón.
Oh, por que non me miraches?
Se me tiveses mirado,
amaríasme.
Seino ben, amaríasme.
E o misterio do amor é máis grande
que o misterio da morte.

tumblr_m4ugchJw5p1qz6f9yo1_500

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: