Hoxe que por fin irei ver «Interstellar» sen que a persoa que me deu parte da vida estea xa sobre esta Terra, aproveito para deixar aquí o poema que escribín para «Serial», o derradeiro proxecto literario no que colaborei con outra criatura esencial que nos deixou [e sinto que me deixou] este ano. Un mal ano para un fermoso número. O catorce.
En 2013 na Feira do Libro de Soria, Ana «Gaviera» Santos suxeriume colaborar nun libro de El Gaviero sobre series de televisión cun poema vencellado a unha serie. Lembro o que me custou decidirme. Eu dicíalle «Cosmos» pero ela non acababa de velo claro. A súa idea estaba xa perfilada. «Mellor dunha serie de ficción, Estíbaliz». Big Bang Theory? «Esa vale. Pero creo que no teu poema ten que aparecer a palabra “cosmos”». Claro, como non! Vaime saír mesmo que non queira. Cosmos significa meu irmán.
Logo pasou que Sheldon Cooper tiña máis pretendentes e ocorréuseme que igual Bender e Leela non tiñan ningún. E non, non tiñan ningún. A Ana pareceulle ben e así quedei encargada de artellar un poema coa serie «Futurama». O orixinal en galego e a súa tradución a castelán forman parte de «Serial», un total de 21 poemas doutrxs tantxs poetxs que pasan pola tinta catódica a Punky Brewster, Mad Men, Girls, Los Soprano, The Wire, Breaking Bad, The Big Bang Theory ou Los vigilantes de la playa… Un festín en pantalla de plasma e calcetíns de estar por casa.
Coas fabulosas ilustracións en cru de Patri Tezanos. Ollade.
Polas persoas cheas de curiosidade e amor que me deixaron este ano un pouco máis soa. Un pouco máis interestelar. Un pouco máis ou menos.
Guillermo.
Ana.
«Vamos, universo! Infinito, case baleiro e medio imbécil!
Dáme a enerxía toda!»
E se nos dese un día por pensar como planeta?
Como planeta enteiro, non só a terrón valado.
Como Terra que é a súa propia avoa.
Vaia sorpresa para nós mesmos
a ver se nos criamos tan distintos
baixo o mesmo cranio aberto a meteoros
E se, polo amor do holóphonor,
se nos dese por bailar a neve microscópica
dos aneis en Saturno?
Vestidos de transparencia, con ese humor bipolar
tan de holograma, que si, que non, me ves
non me ves…
Carne de ceo
pouco feito aínda
E se por un píxel de sílex
o aire cheirase a pasado e futuro a un tempo?
Que retrogusto na punta da lingua
que boas noticias, mozos!
0 0 1
0 1 0
0 1 1
Quen non se lanzaría a gritar láser como unha cousa longa!
Quen non cagaría materia escura de pura emoción sideral!
Se á volta de calquera nebulosa, por fin o cadelo de Fry!
[teriades que ver a miña cara cando escribo isto]
Os nosos seres queridos aínda deixándosenos querer
como bos cacho-carne
sen benzodiacepinas, sen suicidios, nunha proposición infinita
pero numerable, polo amor de Bender Rodríguez!
Quérovos ℵ0, ou algo así.
E se en nome de todo o que é bo e o que é lóxico
as nosas cabezas flotasen soas dentro desta páxina extinta
coma nun acuario de folclore e xarope para a tos?
As nosas cabezas, con cadansúa lesma cerebral:
«Aprende este poema, disparo de ADN,
cópiao 1729 veces ata que che rime por dentro, polo amor de Mamá:
Don’t you forget about me, don’t, don’t, don’t, don’t…»
No noso orfanato natal de mutantes
sempre hai espazo para o que foi e o que será
e para ese algo incrible que nalgún lugar
aínda espera ser descuberto
ao chou
talvez a ollo, a ollo moi só
moi só
[agora soa Messiaen]
En Hypno-Vision.
Mellor definición que o mundo real.
Vingádenos!
E se nos dese un día por pensar como plane…
«Vamos, universo! Infinito, case baleiro e medio imbécil!
Dáme a enerxía toda!»
Como sempre, pedíndolle peros á alma.
Somos do que non hai: e do que non hai
facemos piña.
Un trastorno moi sexy da aprendizaxe, que se lle vai facer!
Se os electróns saben a mosto e todo en nós cheira
a centro de galaxia que deixamos arrombada
por aí xalundes…
Como eses da tribo
a abrillantaren o cu metálico do imposible
a base de beixos.
Uns tolos.
Unhas monstras.
Oxalá eu.
Estíbaliz…Espinosa, 2013