| outroras |
Que levante a man quen non se sinta fóra de tempo algunha vez.
Por exemplo: máis contemporánea de Lucy, a australopitheco, que dos seus colegas de traballo.
Cóbado con cóbado cos estromatolitos de hai 3.000 millóns de anos: hai días en que nos erguemos así.
Pensas que Voltaire te había entender de perlas. Que Ada Lovelace sairía encantada a tomarse unha contigo. Ou disque non?
Andas por aí irmandado coas irmandiñas do século XXVII, que van revolucionar o bioma todo, non se sabe como aínda.
Sénteste querido dentro de trescentos anos.
Amadísima por Tesla nun hotel de Belgrado.
Da panda das primeiras bacterias, anarquistas, verdiazuis, borrachas de metano e CO2.
Reflectida no ollo composto dunha libeliña –meganeura– de un metro: «ti compréndesme, a que si?»
Carl Sagan faiche debuxiños no lombo. Cleopatra quéntache o leite, aturuxando.
Ceas soa, de parola con criaturas que aínda non existen.
Fóra de tempo e de lugar, como boa cousa atómica nunha constante lambda
vaiausteasaber de que signo.
Un número primísimo perdido.
Íntima de Meendiño e unha neandertal de paisano na era do…
«Mira, perdoa que interrompa: é que neandertal aquí pode ser calquera.»
Pois iso. De troula
con calquera antes que cos teus.
Vives no que non che corresponde. Quen non se sente veráns enteiros madurar fóra de sitio?
Temperá ou serodia, a Terra cae da árbore da galaxia
connosco dentro.
Hackeados ou arroutadas
bipolares coma ela mesma:
a cousa é que o Cuaternario este vainos fatal.
Ás veces se nos pasa e pasa que todo encaixa.
De repente respiramos no continente correcto
no eón máis acaído…
Somos felices fugaces. E entón…
que se saudades dos brazos de Safo
ou de rir polo baixo cun cibersofista.
Vemos Perseidas na aira, pegadas en Laetoli,
enigmas tesos como pao de freixo
maquinarias como radiolarias belísimas e nós, cheos de fluídos…
e o puzzle desfai.
Que levante os cables quen non se sinta fóra de tempo algunha vez…
Estíbaliz…Espinosa, 2015
Este poema xurdiu dunha conversa co meu fillo mentres iamos ao cole, unha de tantas mañás. Asi que parte do 1% da idea é seu. O 99% restante da idea sospeito que é da humanidade así, en plan abstracto.