Tal foi a resposta que me deron dende un dos grandes grupos editoriais en Galiza cando hai uns anos propuxen publicar en galego ese título do astrónomo e humanista Carl Sagan, de onde saíu a decisiva serie de televisión dos anos 80 do século XX.
Daquela argumentara a proposta así: se queremos dispor dun corpus de clásicos vertidos á nosa lingua [dende Homero a Joyce, dende Dante a Rimbaud, dende Woolf a Arendt], coido que a noción de clásico debe abranguer tanto a ficción como a non-ficción. Nese eido, o da non-ficción, téñense levado a cabo obras decisivas para as Humanidades, dende filosóficas até históricas, científicas ou sociopolíticas.
Como é posible que un grupo editorial solvente rexeite o caramelo de Carl Sagan – eu por entón comezara a traducilo nesta web e na páxina sagas e ofrecera iso como mostra de traballo- aducindo que non encaixa na súa liña editorial? Sobreentendo que non é porque o propoña eu, en vez de persoas con outro perfil ou máis achegadas a esa editorial. Sobreentendo que calquera outra persoa -un tradutor ou tradutora recoñecidos, de carreira- sería rexeitada igual. Sobreentendo que se trata máis ben dun descoñecemento da magnitude e transcendencia desa obra, que co tempo non fixo máis que medrar. Se ben é certo o seguinte: ao tratarse dunha obra de divulgación científica, moitos datos xa quedaron algo obsoletos. Con todo, o espírito que a impregna e a súa calidade literaria fanna merecedora dun posto nas nosas letras. Entre os clásicos. Porque o é.
Carl Sagan -calquera dos seus libros, dende «Punto azul pálido» até «O mundo e os seus demos»- é un clásico da astronomía e as humanidades. Dos aforismos [«somos o medio para que os Cosmos se coñeza a si mesmo», entre outros mil] e do compromiso explícito na epoca de Guerra Fría que lle tocou vivir. Un clásico da especie sapiens. Pode estar escrito en galego e pode ter lectores en galego. Se non encaixa na liña de ningunha editorial galega coido que Houston, temos un problema coa liña da edición galega, en xeral.
Non sei que facer con esa tradución. Por suposto, é un traballazo que leva horas. Suxeríronme dende un crowdfunding para obter fondos e publicala pola miña conta até ir publicándoa eu online, capituliño a capituliño. Ou recorrer a Amazon. E os dereitos de autor? Ou deixalo todo e non esforzarme en algo que non ten saída [este o consello típico da nai].
Calquera das opcións dáme algo de raiba. Como toda inxustiza. E inxustizas con respecto a contidos e formatos coido que estamos vendo moitas.
Algo se fará. Eu ou calquera outro ou outra. Só se trata de recoller forzas para seguir adiante con esa curiosa actividade que é ofrecer contidos en soporte dixital e ver como, unha e outra vez, seguen sendo lidos, visitados e descargados pero, a efectos prácticos, trátanse como invisibles.
Adiante. Eureka.
[Actualizo con este fantástico artigo que veño de ler, sobre Sagan e a serie «Cosmos». A não perder]