Velaquí o comezo da tradución doutro artigo da web da International Dark-Sky Association. Podes ler o artigo completo na web de Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
E seguir o fío doutros artigos similares descargándoos en pdf dende aquí.
7 obras de arte inspiradas polo ceo nocturno
Tradución de Estíbaliz Espinosa do artigo 7 pieces of Art inspired by the Night Sky, do Dr. John Barentine, publicado na web da International Dark-Sky Association o 7 de agosto de 2016

Até hai ben pouco, e durante toda a historia da humanidade, os nosos antepasados experimentaban un ceo ateigado de estrelas: unha noite estrelecida que inspirou ciencia, relixión, filosofía, literatura e arte. Lamentablemente, nunca saberemos das grandes obras de arte que perdemos por causa da contaminación lumínica.
Disfrutade destas fermosas obras de arte inspiradas por firmamentos estrelados e tomade nota de como axudar a inspirar a futuras xeracións para que inventen, creen e soñen.

1.Paisaxe con clérigos estudando astronomía, xeometría e amosando esferas armilares, compases…
En tanto que Europa ía saíndo da «idade escura» e o Renacemento alustraba a innovación en ciencia, tecnoloxía e arte, os homes e mulleres instruídos comezaron a observar o ceo nocturno a través de ollos menos medorentos.
Durante este período, a civilización occidental avanzou significativamente na súa comprensión do mundo natural. O ceo nocturno do Renacemento era límpido e estaba libre da influencia posterior da luz eléctrica, de aínda varios séculos despois.
Poden os alumados ceos das cidades de hoxe inspirar á xente a facerse as grandes preguntas de mentes como a de Copérnico, Kepler, Galileo e Newton?

2. O gran cometa de 1680 sobre Rotterdam
Dous séculos logo do Renacemento, unha Era de Esclarecemento deu comezo en Europa. Guiada por intelectuais, e enfatizando razón e individualismo por riba da tradición, a Ilustración viu medrar a pasos de xigante o influxo da ciencia e a exploración.
O ceo nocturno seguiu a inspirar abraio, pero incorporou tamén unha saudábel dose de investigación e escepticismo. Aquí, o pintor holandés Verschuier representa unha multitude en Rotterdam contemplando o cometa Kirch, un moi brillante que apareceu preto do Sol en decembro de 1680. Esas xentes marabíllanse co firmamento, pero evidentemente non lle teñen medo ningún.
Unha panorámica semellante do Rotterdam actual amosaría tamén un ceo laranxa, debido ao halo procedente da contaminación luminosa. Aínda acudirían os habitantes da Rotterdam de hoxe a contemplar unha vista así?

3. Astronomía
A comezos do século XVII, os astrónomos orientaron por vez primeira os telescopios cara aos prístinos ceos nocturnos de Europa, facendo observacións de fenómenos celestes nunca antes vistos. O seu traballo literalmente remexeu ceo e terra, arrombando as vellas ideas que colocaban á Terra no centro dun inamovíbel universo.
Sen o obstáculo da contaminación da luz, os científicos do momento podían realizar investigación astronómica doadamente, mesmo dende os centros máis poboados da Europa. Aos astrónomos e astrónomas modernas non lles queda outra que viaxar lonxe da civilización –incluído o espazo- para teren acceso a panorámicas nocturnas como as daquela.
[…segue aquí]