casa de citas XXXIV

Stalker- Tarkovski

É evidente que resulta estraño deixar de habitar a Terra,

renunciar a uns costumes que un apenas tivo tempo de aprender.

Rainer Maria Rilke, Elexía I

aura

perfil persa

Manifestación irrepetible dunha distancia.

A aura.

Para Walter Benjamin.

Para min.

trans-ducir

Traducir= lavar toda a roupa interior doutra persoa, dobrala doutra maneira e gardarlla en gavetas inusuais.

Marina Abramovic

Carpinturías de Branda

Os problemas dos poetas son os problemas dos pintores, dixo Wallace Stevens.

Hai unhas semanas, Branda pasoume os seus problemas resoltos en lenzo e madeira para eu os resolver en tinta. Finalmente, os textos non poideron formar parte do catálogo de imaxes para unha expo pero aí quedaron, polo que xurdise no futuro, en apaixoada simbiose.

As teimas do Branda ficarán penduradas dende o 5 de maio ata o 5 de xuño na Galería Sargadelos da Coruña, aló pola rúa Real, nunha exposición titulada Carpinturías: puro Branda paródico, rueiro, catalizador das pintas de Monte Alto. Carpintureiro, carpintoresco, variocarpinto, marquetaría fina. Branda évos moito Branda cando se pón duramente Branda.

Algunhas das miñas medias tintas poden lelas aquí, con cadros desa súa exposición.

secret love

SECRET LOVE
 [rumba samba mambo e artillaría de repetición]

_Glock!
_Colt!
_Heckler!
_Und Koch!
_Sig!
_Pro?
_Magnum!
_Mauser!
_Oh, Mauser!
_Oh, Sig!
_Beretta, Benelli!
_Pum, ah, pumpúm!


Sin Título 1

SEN TÍTULO 1
[opereta]

Cando empezou no seu negocio na barbaría, o señor Brandgló tiña as mans grosas e peludas coma centolas. De tanto usar a innovadora escuma de barbear Miss Brandgló, a día de hoxe o señor Brandgló trata aos seus clientes con man de porcelana fina e unlla de bico de colibrí. Os clientes do señor Brandgló fican todas a mar de contentas. E sorrín, sorrín. Sorrín carmín. E todo todo todiño grazas ao prodixio de Miss Brandgló, escuma coma nenhuma.

Políptico de Padrón

POLÍPTICO DE PADRÓN
 [pseudohaiku en 2 tempos]

Qué vida a nosa.
Si, qué nosa a vida.

BOCETO-2
[problema trigonométrico]

Observen, se fan o favor, o mozo con perilliña e mais un cartafol de debuxante baixo o brazo. Tracen unha bisectriz entre o ángulo do seu van, unha bisectriz que rebota no chinés con gafas de diante e volve atrás, ata a moza con fleco negro que fica no interior do primeiro vagón. Xa a teñen?

Calculen, se o metro saíu ás 15:00 da Estación Central e rematará o traxecto ás 15:54 en Pradairas Celestes, calculen durante cántos días máis o mozo da perilla e a moza do primeiro vagón poden seguir ignorándose.

Boceto 2

SANTO TOMÁS BLUES
[blues]

Santo Tomás Blues

Nanananá
non sei ónde lin
nanananá
que iso do blues
nanananá
é que a túa muller
nanananá
non veña durmir.

Así que cando penso que te fuches
e cómpre baixar o lixo

con estas pintas e esta dor
ando moi blues moi blues
pero que moi blues do noso señor.

SinTítulo 2

SEN TÍTULO- 2
[ska]

Ah, queres que che fale da festa. Queres que che fale da puta festa? Claro, claro que queres que che fale da festa. Pois ben. Falareiche da festa. Contareicho todo, achégate un pouco máis. Máis, meu, máis. Contareicho todo. Vén que cho conte. Vén que cho.
Vén que cho.

Sin Título 17

 

 

 

SEN TÍTULO- 17
[cantiga de escarnio, maldizer e amor amigo]

Ondas martenot do gym
amor hei!
Celulites sen leixaprén
amor hei!
Táboas que non teñen fin
amor hei!
Cartiños que me ghastei
amor hei!

poetose primaveral aguda…

…ou sobredose literaria en todas as primaveras do mundo.

‎”e coñecerás a túa terra, palmo a palmo”.

Évos unha das clásusulas do convenio de escribinte en terra de minifundios con núcleos de poboación espallados e sinuosas costas.

Engade en subcláusula: “así como a todo cobrador de peaxe e a toda rotonda oronda”.

agardando en van

Ninguén que diga de si mesmo que está na vangarda de algo pode estalo realmente.

Cara a suposta vangarda, de existir, vaise so. É dicir, vaise case inconsciente: non se ve nada por ningures, nada por diante, mesmo nada por detrás. Non pode saberse con lucidez se iso será a vangarda ou un abismo hostil. Un deserto de referenzas. Un deserto de nomes.

A vangarda, de existir, é só un eslógan máis. E unha preocupación menos.

estar estando un estado

Un Estado prohíbeme tomar a xustiza pola man se alguén mata aos meus.

Un Estado esíxeme pagamento puntual e xusto.

Un Estado esíxeme fe, fe inquebrantable na súa propia necesidade.

Un Estado blíndase para se modificar o menos posible, detalle que o asemella a unha divindade ou cousa cósmica.

Un Estado garánteme bens, iso é certo, pero ultimamente só me garante bens de consumo. 

Un Estado é un participio do verbo estar. O verbo estar roza semanticamente ao verbo ficar. O verbo ficar roza semanticamente o verbo molestar. Un Estado debería ser un participio do verbo ser. Un Estado debería trocar constantemente nun Sido.

Por un Estado debería correr o aire.

O Estado deféndeme a min do Universo Maligno. Mais, parafraseando a Igor Lugrís, quen nos defende a nós dos idiotas? E quen nos defende a nós dos Estados idiotas?

Un Estado só é un estado de cousas.

Un estado pídeme maiúscula.

A política nunca debería ter convertido nunha clase social.

Un asasino/a en serie/o que tortura e se carga a varios nunca é tan perigoso como un home que ten dentro da súa cabeza un plan para atentar contra un Estado. Nunca é tan perigoso para quen? É evidente: para o Estado.

E quen é o Estado?

Unha presada de humanos. 

 

expediente de innovación de emprego

Ofrécese Muso por horas:

* dildo poético

* broncodilatador para prosa

*pesas de ensaio

*experto en trend-hunting e metáfora

*discreto segundo plano

* formas xenerosas

* bo fondo

esquecementeira

Sabía que lerías isto.

diálogo omoplatónico

– Poderías namorar del, por favor?

– Claro, intentareino

– Intenta de paso que a cousa saia mal e sexa por completo imposible

– De acordo. Por algo en particular?

– Si. Preciso o clixé literario de que a desesperación escribe con bala de prata.

– Non entendo

– Non preguntes. Xa te verás
por escrito.