techno lite

Sobre óso, unha criatura escribira a súa vida.

A súa vida era un cervo. A conciencia. Tallado.
Tivo que
querelo mentres lle nacía pezuña a pezuña
pestana a pestana
baixo os seus dedos sen xénero sen pasado, simples
dedos.

Viuno nun museo, so, como todo obxecto.
Tanto tempo como lle foi posible:
así detivo
ante o cervo escrito e a súa certeza de ter sido.

Pareceulle unha historia congruente
un bo guion
cun final aberto ao universo:
a primeira páxina da literatura
sublimada en óso cor de óso:
un fémur de verso longo
unha omoplata ilustrada
ou un pequeno astrágalo
con notas ao pé.

Unha novela que portades dentro
que vos move no irreal e non vos permite
esborrallar baixo o peso da pel.

A literatura
vértebra
a
vértebra
sostenvos sobre unha biomasa
e, como Yorick,
tanto máis cala e ri canto máis sabe.

cervo en óso,Cova do Castillo,Cantabria

fantaisie

FANTASÍA ASTROPORNOFÍSICA DE ESTUDANTE [CON FINAL DE MAL CHISTE]

Mozo estudante de astrofísica. Omitimos trazos para non crear empatías cara á súa persoa. Desde a nosa distancia vemos -no entanto, vemos- que é se cadra fermoso baixo unhas cellas vectoriais, ollos tendidos a infinito e máis trazos faciais así polo estilo. Nos que non sería oportuno. Nin científico. Nos demorar.

Tras meses de inmersión nas singularidades matemáticas dos furados negros, abducido por elas ata que a propia luz do seu intelecto é devorada, o mozo astrofísico comeza a ver claro que o inmenso black hole que o absorberá todo ao final dos tempos, vai converter noutra cousa. Non en nada, senón en algo. Inesperado talvez. Pero algo.

Un glory hole.



e non podería ser…

… doutra maneira?

Seica non. Non podería.

by David Shrigley

cheira a transmutación na cociña {2}

Segunda parte de textos sobre cociñas. Este é un feito/desfeitonacasa.

Base de datos: cavernas

Velaí
recén emerxida a súa cabeza do big bang do forno
como poderá sorrir, é incrible,
calcificada nese espazo que a miña xeración detesta
un quasar de vectores, de cuadrantes e pementos
que corren a escoar no desaugadoiro das mans
é incrible.

Aburbulla sen colapso o seu universo
potas tatexas
batedoras a increpalas
robots cuxo silencio chora sobre as cebolas
a billa que aínda gotea a auga da vida.

Nitróxeno líquido:
ese xeito en si polar de fritir un simple ovo.
O fractal romanescu que trasantonte non existía
nin no libro de Simone, dedos de graxa.
Un noncheseiqué de prata para as queimaduras
mais o chorro común da auga fría.
Desde A Habana ata Coruña pasando por Lyon
odiamos canto hai de cuántico nas cociñas
e do seu cuanto nos fascina.

A través desta folla seguímola
agora no acto ciberpunk de cocer unhas patacas
ao pavoroso vapor transmilenario.
Que vos parece:
vestida de rutina e sordideza de poliéster.
Un myolastan desintegra polo seu sangue arriba.
Na mesiña un libro sobre o poder do teu corpo, transmuller,
marcado na páxina tres.

Non remexas a bechamel contra o oeste non
introduzas no wok máis galaxia da precisa.

Velaí
á túa baixa resolución
raíña do prehistórico do fume
na túa caverna por indución polo poder do átomo
tres ovos mergullados en augas misteriosas
virando no teu neocórtex o cheiro do seu vinagre;
e ti a cantaruxar o teu non-ser-ninguén coma nun anuncio:
un beizo esfollado ata o seu talo
que milfolla nesta folla
onde por haber só houbo vento
-liofilizado iso si-
para te ler.

Non che salte o aceite/ Uf, verdá.

tecnoloxía da herba

Analizo unha herba nun laboratorio. Esa herba medrou logo de ser acalcañada por Atila. Nace retorta, ferida, dunha retorta. Nace. Está nacendo. Nace.

Il est paraît-il
Des terres brûlées
Donnant plus de blé
Qu’un meilleur avril

A tecnoloxía alivia moito ás herbas. É sabido.

http://youtu.be/uWGXAdwBd2A

Tsiolkovski rules

Sempre quixen pasar noite no mítico hotel Cosmos de Moscú. Pero nada. Terei que celebrar o que queda de día da cosmonáutica bebendo un sórdido ruso branco, en plan Nota. Hala. A voar.

O meu estatus de hoxe en Facebook.

Nunha exposición de cosmonáutica soviética da Casa das Ciencias vin hai anos unha reprodución do Sputnik. Crina unha miniatura, pero non, era a tamaño real. Os rusos parece que che fan flotar un parafuso con tres parábolas cruzadas e unha ecuación de Tsiolkovski. Eu creo que chegaron a poñerse en órbita só porque tiñan moitas ganas de facelo, pero non porque aínda contaran con medios e materiais ultraeficaces e seguros.

Comentario que deixara no Facebook

by Shomei Tomatsu

a túa excepción desconcerta- Fatena Al-Ghorra en galego

Fatena Al-Ghorra [Gaza, Palestina] vai en España estes días. Poeta e xornalista. Pasou pola Universidade de Almería, por Málaga e andará en Cosmopoética [Córdoba] e Madrid [presentada por Elena Medel, quen a introduciu en España] na vindeira fin de semana.

Traduzo da versión castelán que dende o árabe verqueu Rosa-Isabel Martínez Lillo.  Trátase de fragmentos do libro Excepto yo, de El Gaviero Eds., 2010, a súa única obra poética publicada aquí.

Hai algo nos seus poemas que empurra cunha forza escura, aromática. É unha delicia lela, intuila nos arabescos da páxina anterior [a edición é bilingüe], deixala exceptuarse.  Nunha especia abstracta.

Algúns textos de Excepto yo, Eds. El Gaviero, 2010. 

Trad. a galego [a partir da versión castelá en El Gaviero] de E…E. Río, 2011.

O que o dormente ve:
Magdalena tapiza o horizonte coas súas trenzas. Seméntao de amuletos e iconas o labrego cando recolle a colleita: pan negro e coroa de espiñas. O tempo era mediodía en tebras.
E iso era algo grandioso.

O que o dormente ve:
Ela daba masaxes á area con tola sensualidade. Procuraba entre as súas cimas un acuoso cristal a través do que o ver coma chuvia brillante.
El chuchaba un dedo para pasar o tempo…
E iso era algo grandioso.

[De A cinta do soño]

A túa presenza desconcértame.
Como un astro domina a fírgoa do saber
e co baleiro choca

Ti desconcertas as miñas regras aferradas a un anaco de aire/granito

A túa presenza desconcértame
punto

Comeza outra liña
……
………

[De A túa presenza desconcértame]

Un pouco de sentir outórgalle ao corazón a luz do sublime

Un pouco de feitizo fai que as nosas almas descubran o agochado

Un pouco de atención fai que os espíritos descubran seixo nas poutas do gato

[De Partículas]

Ireime coas mulleres que perderon o seu derradeiro momento
tras o forno de leña nun pueril recordo

Co aire irei

[De Esceas penduradas no principio do silencio]

Desde min parte e dedícase a entrar,
entra profundamente
unha vez,
outra,
cinco,
aínda queda moito ata chegar,
o espírito reúne os seus fragmentos e ante el levanta,
outra vez,
cinco,
amósanseme os Xéneses desde o pecado orixinal.

Embarazada de min
embarazada del
do tremer do pracer virxinal na súa nova presenza,
un tremer virxinal sacódeme
se aparece o azoute seu,
daquel de albahaca e mirra.

[fragmento de Embarazada de min]

ESPERANZA…

Cando o cosmos semella un furado negro
ti dás comigo alí, repousando,
embebida nas miñas propias soidades
a agardar por algunha raiola.

 

Fatena Al-Ghorra

casa de citas XXXIII

Pois preciso saber exactamente isto: estou sentindo o que estou sentindo, ou estou sentindo o que eu queria sentir? ou estou sentindo o que precisaria sentir?

Clarice Lispector, A paixão segundo G. H.

borbotón microscópico

Con Clarice, barrenando no ADN dun sentimento.

a forza de gravidade sobre os mitos

Permanecer algo descoñecidos faravos permanecer grandes.

deshabilidades sociais

A vida social.

Descoloca.

Este silencio.

Coloca.